martes, 11 de novembro de 2014

CONTIDOS DA 2ª UNIDADE DO PRIMEIRO TRIMESTRE- Aulas de 2 a 3 anos

Queridas familias:

Nesta unidade queremos que os vosos fillos aprendan a recoñecer algúns dos cambios que se producen na paisaxe durante o outono e que identifiquen fenómenos atmosféricos que acompañan a esta estación, como o vento e a chuvia.

Tamén traballaremos cos alumnos/as o valor das festas de Nadal e darémoslles a coñecer os nosos costumes e tradicións. Falarémoslles de Papá Noel e dos Reis Magos e ampliaremos os seus coñecementos acerca dos alimentos, axudándolles a distinguir entre os que son doces e os salgados.

Ademáis, nesta unidade didática os alumnos/as terán que diferenciar entre un e moitos, recoñecer a cantidade e grafía do número 1 e identifidar elementos que se atopan na mesma posición ou en diferentes: arriba ou abaixo.

Así mesmo, os nenos e as nenas irán ampliando o seu vocabulario, ensinarémoslles poesías e panxoliñas e familiarizaranse con algún instrumento musical, como a pandeireta.

A continuación propoñémosvos algunhas das actividades que podedes realizar cos vosos fillos e fillas:
  • Cando saiades a pasear con eles pedídelles que se fixen nas follas das árbores, en como cambiaron de cor e nas follas que hai no chan. Preguntádelles se hai unha ou moitas follas.
  • Xogade a localizar obxectos situados nas posicións de arriba e abaixo.
  • Pedídelles que colaboren, na medida das súas posibilidades, nas tarefas domésticas, como por exemplo, en recoller os seus xoguetes ou levar a súa roupa sucia ao cesto.
  • Ensinádelles a poñer eles sós as chaquetas e os abrigos.
  • Contádelle a historia dos Reis Magos.
  • Cantade una panxoliña que recordedes de cando erades pequenos e facede que os vosos fillos a interpreten.
Ademáis, podedes realizar calquera outra actividade que sirva para compartir cos vosos fillos as súas aprendizaxes de cada día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario